Escola de Música

A escola realiza formación en música en movemento, linguaxe musical e especialidades instrumentais para alumnos a partir dos 4 anos. Os obxectivos principais son:

· Formar e preparar aos alumnos para a súa incorporación activa á Banda Escola de Música e á Banda Unión Musical de Valladares

· Dar unha formación ao alumno equivalente ao Grao Elemental dos conservatorios de música, e facilitar a preparación do alumno para a proba de acceso ao Grao Profesional.

· Dar unha formación continua aos alumnos e músicos da Banda Unión Musical de Valladares tanto na súa especialidade de instrumento como en reforzo a outras materias.

 

Os últimos datos de matrícula alcanzan os 166 alumnos repartidos nas seguintes especialidades:

a) Música en Movemento (para nenos dos 4 aos 6 anos)
b) Linguaxe Musical
c) Música en conxunto:

  • Banda da Escola de música
  • Coro da Escola de música
  • Grupos de Cámara: Vento – metal; Vento – madeira; Percusión – Metal e Madeira

d) Instrumentos:

  • Frauta
  • Clarinete
  • Oboe
  • Fagot
  • Saxofón (Alto, Tenor, Soprano)
  • Trompa
  • Trompeta e Fliscorno
  • Trombón
  • Bombardino
  • Tuba
  • Percusión
  • Chello
  • Contrabaixo

A actividade da Escola de Música desenvólvese 11 meses ao ano, dende setembro ata xullo. No seu programa de actividades ademáis das clases en grupo (linguaxe musical) e das clases particulares (instrumento) é importante reseñar as distintas audicións que se fan ao longo do curso (Nadal, Fin de Curso), posto que axudan aos alumnos a perder o medo a tocar en público.

De cara ao vindeiro ano estudouse unha modificación no plan de estudos na que se engaden novas especialidades de reforzo (Armonía e Análise) e estase a analizar o desenvolvemento de cursiños especializados en Novas Tecnoloxías aplicadas á Música.

Vencellados á Escola de Música téñense organizado en anos anteriores actividades como os Campamentos Musicais, os Cursiños con mestres especialistas…

 

- Banda Escola da UM Valladares
Formada polos alumnos da Escola a partires do seu segundo ano de instrumento, conta actualmente cuns 60 membros. A Banda Escola realiza distintas actuacións ao ano: nas audicións da Escola, concertos nas festas parroquiais de Valladares…

 

- Novas instalación para a Escola de Música

No ano 2011 rehabilitóuse o antigo local do Centro Veciñal e Cultural de Valladares para a mellora das dependencias da Escola de Música e local de ensayo da Unión Musical de Valladares.

Grazas ao esforzo dos membros da banda e da axuda do Concello de Vigo a Escola conta hoxe en día con un local cunha aula de linguaxe musical, local de ensaio, cinco aulas de estudo e área de administración.

Historia da Unión Musical de Valladares

A Banda de Música Unión Musical de Valladares foi fundada no ano 1902 por un grupo de 16 afeccionados, que pouco a pouco a foron impulsando e renovando, non deixando que en ningún momento desaparecera.


Banda de Valladares - AntigaA súa actividade socio-cultural xira en torno ó Centro Veciñal e Cultural de Valladares, no que están situadas tódalas actividades culturais, deportivas e veciñais da parroquia, aínda que algunhas delas con propia autonomía, caso é o da Banda de Música Unión Musical de Valladares, por se-la entidade máis antiga.

A súa actividade principal sempre se centoru na participación en festas e romarías típicas na Comunidade galega durante o verán, o que provocaba certo abandono durante os invernos, cambios de director, etc.

Vivíronse grandes momentos artísticos durante os anos 50, con directores como D. Hernán Cortés, D. Demetrio, D. José Pena, D. Manuel Vázquez, D. José Oro Val, D. Alfonso Méndez, etc, sendo este último o que iniciou un profundo rexuvenecemento nos integrantes, ata que en 1971 se apostou, baixo a tutela do entón director D. Alfonso Méndez, por un alumno da escola de música para sucederlle na dirección. Éste alumno é dende enton o actual director D. José Iglesias Ramilo.

Dende aquela, a banda consolidouse pouco a pouco, crecendo o seu número de integrantes, crecendo o alumnado da escola de música, incluso se chegou a ter en Valladares unha filial do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Dende 1976, coa remodelación e construcción do novo Centro Cultural de Valladares, a Banda de Música traslada as súas oficinas e local de ensaios ás dependencias do dito centro co que, conservando a súa autonomía, mantén unha estreita relación, colaboración e participación nas actividades culturais de Valladares.

Actualmente, a Escola de Música de Valladares, está dirixida e organizada conxuntamente polo Centro Cultural de Valladares e a Unión Musical de Valladares, contando para o presente curso con máis de cen alumnos.

Esta agrupación conta xa con cinco edicións discográficas en CD e casete dos que se venderon máis de 20.000 copias.

Galardóns

A Banda de Música Unión Musical de Valladares, ten un extenso palmarés, destacando, entre outros, os seguintes premios:

  • PRIMEIRO PREMIO no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1985.
  • PRIMEIRO PREMIO no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1986.
  • PRIMEIRO PREMIO no Certame de Bandas de Música de Galicia en 1996.
  • SEGUNDO PREMIO no Certame de Bandas de Música "Ciudad de Valencia" sección segunda, en 1997.
  • SEGUNDO PREMIO no Certame de Bandas de Música "Villa de Altea" (Alicante), en novembro de 2000.
  • SEGUNDO PREMIO no I Certame Provincial de Bandas de Música, organizado pola Excelentísima Deputación de Pontevedra, en outubro de 2001.
  • PRIMEIRO PREMIO no 124 Certame Internacional de Bandas de Música "Ciudad de Valencia" sección primeira, no ano 2010.
  • PRIMEIRO PREMIO no XI Certame Provincial de Bandas de Música Deputación de Pontevedra, sección especial, no ano 2011.

Centra, actualmente, as súas actuacións en festivais de bandas de Galicia e Portugal e concertos nos mellores auditorios de Galicia. Dende hai varios anos participa no Concerto de Nadal, organizado polo Concello de Vigo no teatro-sala de concertos do Centro Cultural Caixanova, actuando en solitario e acompañando (unha sección) ó coros do Real Clube Náutico de Vigo e do Centro Cultural de Valladares conxuntamente.